Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de marzo de 2014

Os últimos titeriteiros da ribeira do Sil.

 

A comitiva de cores dos titeriteiros amosaba á tardiña pola curva de Calvos: debeu ser a derradeira vez que viñeron co circo polas aldeas de Parada de Sil; desto xa medraron os carballos, claro; quizais fose no setembro de 1956, era eu un mocosiño dunha puñada de anos, pero con memoria do que che vou contar.
-Alí veñen...! axiña, hai que pechar con chave as portas da dispensa; atrancar a palleira, que rouban de noite a herba;
recadar as pitas dentro da casa, que o ano pasado arramplaron cos ovos e cos polos, nas maceiras só deixaron as follas e, mesmo, desenterraron o porco larengo que lle morrera a Engracia, á viúva do Manuel de cando a construción do salto de Santo Estevo. A media mañá, cheiraba carne ao caldeiro: a rapazada dos artistas andaba cos ratos da fame roéndolles as tripas, disque que pasaran días, longos e negros, que non apañaran nada..


     Os carromatos reptaban devagar pola petada de Gurvela. Primeiro, arribou un de dous eixes, turrado por catro mulas, fracas e con mancaduras nos cadrís; logo, chegou unha carreta mediana dun eixe con dúas mulas de catro dentes; por último, viñeron, case que pegadas unha á outra, dúas carretas como casiñas de bonecas: de cores alegres, a cheminea cun telladiño, cortinas nas xanelas e mais unha escaleiriña para subir e baixar
da casa-carro.

     Ao solpor, houbo representación no garaxe do señor Avelino, un lugar espazoso, que erguera á beira da estrada co gallo de gardar o camión Barreiros que a familia Bertólez mercara non había moi colocaron unhas táboas á maneira de asentos, aínda que moitos veciños apandaron cos poios das casas enchendo a platea do garaxe.

     Os artistas tensaron un arame polo medio da sala; e unha moza, cunhas mallas vermellas cinguíndolle o contorno do corpo, comezou a camiñar con tento e mainiñamente, tentando o arame co bico do pé, mentres agarraba unha barra de ferro como balancín.
Percorrido o arame, a equilibrista brincou ao escenario e, despois da reverencia de seu, recibiu un aplauso recio do respectable, mentres a moza, elegante e lixeira de corpo, facía mutis polo foro.

     A seguir, amosou un mozo abaneándose encima dunha táboa colocada po riba duns paus rodeiros.
    -Que te vas esnafrar! -berroulle o Antonio dos Losadas, mais o artista metido no seu non reparou no aviso do veciño, deslizándose de acó acolá no improvisado escenario até desaparecer coa táboa nas maos pola banda esquerda. O público brindoulle un aplauso pasadío. Axiña, pola dereita do escenario, apareceron dous pallasos: saudaron ao respectable cunhas ovacións breves e, un deles, o que tiña un tomate por nariz, olloume en fite cos ollos maquillados de estreliñas azuis que me engaiolaron coma a un parvo.

     -Eh, rapaz, sube ao escenario! -díxome cun sorriso de pillabán.
Contrariado pola inesperada invitación, porque daquela non era artista (agora, aínda menos), viñéronme as cores ás meixelas, que as tiña chuchadas de tanto soprar nas frautas que eu mesmo arranxaba en cada primavera cunha póla de castiñeiro, cando ía coas vacas para o monte. Pero teimaron no choio e, agarrándome un pallaso dunha mao, houben de brincar ao alto da tarima.
O do nariz vermello comezou cunhas parvadas ao meu carón, sacando unha pomba da súa chistera, que deu unha volta batendo as ás por riba das cabezas, e seica que os máis devotos da parroquia
-disque mexaban auga bendita- ollárona cara arriba con devoción esperando que o Espírito Santo lles confesara o terceiro segredo da Virxe de Fátima, entrementres os outros, que non comulgaban con rodas de muíño, rezaban para que tímida pomba non ou si? lles soltara unha cagada, con perdón, no medio dos ollos para que reduciran o ángulo de visión dun ser finito. Axiña, do mesmo sombreiro, sacou un coello branquiño coma a neve: deulle aloumiños no carrelo, o coello sorría mirándome, porén nun amén fíxoo desaparecer diante todos por arte de birlibirloque dun
movemento malabar rápido coma un lostrego.

     Na contra do escenario, outro pallaso estaba a tirar moitos papeliños ao ar e, trala nube de confete, apareceu un mastín correndo polo corredoiro central: dun brinco, o can saltou ao escenario, repousando sentado de cuartos traseiros cara ao público. Tiñas que velo, como presumía co fato de policía, coa gorra de viseira con reberete dourado e todo; namentres me ollaba, erguía o corpo, a piques de poñerse de pé de patas traseiras, para que me decatase das pistolas que lle colgaban do cinto.
O can deu dúas voltas ao derredor do escenario con moito xeito e, dun brinco, saltou para desaparecer por entre os pés da xente. Unha muller, a avoa do circo, xitana ela, vestida cun fato negro, unha de esas vellas coa casca amarga, estábao a esperar preto da porta: enganchouno pola correaxe cos seus garfos de artrite e levouno, case que arrastrando, ao eixe do carromato, onde quedou preso o coitado artista.
     Eu atopábame alí, empoleirado no alto do escenario, coma un pobre coitadiño. Pero non chegara o peor, porque un daqueles condenados titeriteiros pegoume un funil na parte de abaixo do embigo e comecei a mexar polo seu bico, zurrichando  un fío de auga nas fazulas do público da primeira fila, que torcían a cara de esguello, malhumorados, mentres que os veciños máis afastados, en troques, rían as a falcatruadas a corpo solto.
     E para rematar, o maricón do pallaso, con perdón, cravoume un coitelo na barriga, coidando eu que me matara coma a un pobre porco, alí, na ara do sacrificio, no alto do escenario que o merecía polas culpas dos pensamentos impuros do noveno mandamento da lei de Deus que me viñan no entre sono e soño:
acheguei repetidas veces a mao á ferida aberta para tapar o sangue que estaría abrollando a cachón antes de morrer por instinto de supervivencia e ollar a mortal ferida antes de pechar os ollos e voar cara ao ceo; porén, neste intre, o pallaso para mostrar o engano da folla retráctil acoitelouse tamén deitado no chan, facendo o morto, ollándoo eu estrañado como me chiscaba un ollo, rindo coma un coello.

Ao coller o tranganillo, volvéronme pouco a pouco as cores, procurando soltar nun sorriso que me desbaratase do medo, atenazado por la agonía daquel intre.
Os artistas titeriteiros arrincaron do público un xeneroso e prolongado aplauso. Ai, amigo, destas merendas, poucas!
Eduardo Prieto Casares

domingo, 16 de marzo de 2014

O martelo de orellas

As campás de Chandrexa repenicaban sons de festa en honor á virxe da Asunción. Os foguetes, de cando en vez, asubiaban por riba dos tellados da parroquia, disipando os nubeiros daquela tarde abafante de bochorno. De súpeto, a iso das cinco, uns berros esgazados de muller espertaron aos veciños do repouso soporífero: o monte no Valdocán comezaba a fumegar. Silvestre había dous días que lle pedira prestado o martelo a unha veciña: "Escoita, Rosa, cumpríame o teu martelo de orellas, que teño que arrincar un cravo dun asunto", díxolle.

O home andaría polos trinta e tantos anos: achaparrado de figura, solteirón e pecho de carácter, certo; mais como xornaleiro trala gancha na cava das viñas que baixan brincando de socalco en socalco até bicaren a auga do Sil era o primeiro en darlle cabo á fileira dun beiril. Algunhas mulleres que facían a colada no lavadoiro de Maraván comentaban que Silvestre andaba facéndolle as beiras a Belinda, cando andaba coas vacas no monte, e que ela seica ría coma unha parviña ao seu carón xogando aos médicos...

Aquela tarde de bochorno terminou por trastornar o siso a Silvestre: noites longas sen pegar ollo, dando voltas e viravoltas no xergón de follas de millo como un can con pulgas que non ve xeito de acomodarse.
Duns meses a esta parte, a súa semente, como o lévedo que fermenta a masa do pan e faina medrar, estaba obrando a mesma metamorfose na barriga da Belinda. Isto hai que paralo!, berrou desesperado, arreándose unha lapada por riba dos ollos.
Estaba avisado de non fochicar na Belinda, con perdón, mais era un home falto de vontade. "Vai ser a última vez que te hei de chingar", prometíalle un día tralo outro antes de acabar montado encima da rapaza nun leito de follas no corazón dunha leira sementada de millo: chegando o apertón das hormonas, babexaba coma un marrao que mesmo había de dar noxo velo; mais logo da catarse, en troques, quedaba tranquilo coma un boi manso ata que o mesmo diaño lle volvese a dar fol.
"Como te volvas deitar coa miña nena, heiche de cortar os collóns co coitelo da facer a poda para que lle sirvan de merenda aos cans", díxolle o varudo pai da Belinda unha tarde que acudira ao seu encontro, no fondo dunha carrioza dun camiño de ferradura, armado cunha forquita de tres gaios de cargar a herba e de achegar as gavelas de toxos ao alto do carro.
No clímax da loucura, co martelo de orellas do pai da veciña que fora carpinteiro, asestoulle dous golpes na sen a coitada Belinda deixándoa seca no sitio cos ollos acendidos co brillo da inocencia, ollando o ceo. "Morreu coma un paxariño", dicía a súa nai chorando bágoas dos ollos.
Axiña, o mozo asasino, bufando coma un becerro pechado nun cortello, arrastrou o corpo inerte para deitalo encima dunha pila de achas que había degalladas no recanto dun souto, logo apañou unha puñada de fentos, procurou o chisqueiro no peto, axustou mecha, chiscou na roda, soprou na brasa e pegou lume á pobre Belinda que levaba, dentro de si, o froito do seu pecado.
O aire que rubía do Sil espallou as labaradas do lume, pintado de negro o leito de follas da leira de millo.
Un día de San Martiño, Silvestre volteou da cadea de Santoña no coche de liña lucindo a mesma roupa, esvaecida e encollida, de nove anos atrás de cando fora preso. Ao entrar na tenda do Carreño, os nenos do lugar que ollaban a chegada do coche Barreiros quedaron cos ollos abertos coma pratos mirando en fite ao monstro, arreo recreado co maxín ceibe do soño como un lobishome, desilusionados coa realidade dun coitado monicreque.
Entón, dixo o expresidiario rompendo o silencio daquel velorio: "Boas tardes!" Os veciños baixaron a cabeza. Ninguén contestou.

Aos poucos, a xente foi desaparecendo. Polo que Silvestre, que retornara do cárcere mainiño e purificado, coa cabeza gacha achegouse ao mostrador de madeira: sacou do peto un vurullo pequeno de cartos, despregou os billetes un a un, sinalou unhas chancas do 42, que colgaban dun pontón do teito da tenda-cantina, pediu un puñado de cravos, botou as zocas ao ombreiro e desapareceu pola porta coma un can vagabundo.  Parada
de Sil, lembranzas dun neno.

Eduardo Prieto Casares

miércoles, 12 de marzo de 2014

Chega a Marea Azul á Xunta de Galiza, camisteas protesta contra as políticas de Feijóo

Na Xunta de Galiza os recortes levan un ritmo propio, un ritmo propio que por desgraza é máis intenso que o doutras Administracións. Vímolo, por exemplo, cos recortes no complemento específico da paga extra do 2013 e que veremos tamén no 2014 (consonte á lei de orzamentos vixente). Por outra banda, temos enriba da mesa a proposta de nova lei de función pública de Galiza, unha lei que afecta a miles de traballadoras e traballadores públicos da Administración autonómica pero tamén á Administración local e universidades. Porén, o máis duro desta lei ímolo levar na Administración autonómica xeral (persoal directivo, concursos específicos, avaliación do desempeño subxectiva, carreira profesional subxectiva…).
Por outro lado, algo que compartimos todas e todos os traballadores públicos nesta ofensiva liberal non só son os recortes sobre os nosos dereitos laborais e a politización da Administración, senón os recortes sobre os servizos públicos con amortización de prazas e privatización de servizos. Algo, isto último, que ao final volve como un boomerang afectar aos nosos dereitos, ao reducir o número de postos dispoñibles, por exemplo, nun concurso de traslados ou nunha elección de destino.

“Polo futuro... defende o público”

Esta camiseta supón un NON aos recortes nos nosos dereitos como única solución a todos os males das Administracións públicas e supón un SI a defensa a uns servizos públicos galegos e de calidade. É unha camiseta que podes vestir todos os días pero no que se fai un chamamento especial a levala nas mobilizacións visualizando o que nos une na defensa dos servizos públicos, non só ás traballadoras e traballadores que os facemos posibles, senón tamén á toda cidadanía do noso país.

Esta é unha campaña que nace no seo da Comisión da Dignidade do empregada e empregado público formada pola Xunta de Persoal e Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza e que ten vocación de ser exportada máis aló do noso ámbito.

A talla da camiseta é única (grande) e ten un prezo de 5€. Podes reservala nos locais sindicais dos servizos centrais en persoa, por teléfono ou correo electrónico.

http://autonomica.cigadmon.org/w2/novas/novas-territoriais/servizos-centrais/2234-chega-a-marea-azul-a-xunta-de-galiza