sábado, 15 de marzo de 2014

Nós, á nosa idade, o único que temos que facer é estudar e pasalo ben


O equipo do IES Parga Pondal de Carballo gaña a fase de zona do Club de Debate que se celebrou en Teo Na fase clasificatoria da zona de Compostela do Club de Debate que tivo lugar o venres 14 de marzo no Concello de Teo, as rapazas e rapaces do IES Parga Pondal, de Carballo, e do IES Plurilingüe de Ames, foron os clasificados en primeiro e segundo lugar, respectivamente, e pasan á final galega que terá lugar o 26 de abril en Ferrol. "Nós, á nosa idade, o único que temos que facer é estudar e pasalo ben". Ese foi o tema sobre o que os oito equipos participantes tiveron que debater ao longo de todo o día no salón de plenos do Concello de Teo, na fase clasificatoria do Club de Debate galego. A xornada comezou xa ás nove da mañá e, desde ese momento e ata o final da xornada, as cadeiras do salón de plenos do Concello de Teo estiveron copadas por rapazas e rapaces que argumentaron tanto a postura a favor como en contra, en oito debates en que se foron enfrontando os institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro, de Compostela, Isidro Parga Pondal, de Carballo, IES Plurilingüe de Ames e IES de Cacheiras. De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas e xuristas, emitiu unha puntuación coa que se conformou a clasificación final, que quedou encabezada polo IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, que recibiu como agasallo un vale de 500 euros para material cultural en galego.
O IES Plurilingüe de Ames, pola súa banda, tamén recibiu un vale para material cultural en galego por valor de 300 euros. Ademais, estes dous equipos de Carballo e Ames representarán a zona na final galega, en que competirán cos gañadores das zonas de Ferrol, O Carballiño e Pontevedra. Esta final terá lugar o día 26 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. O premio que agarda ao equipo gañador da final galega é unha convivencia dunha fin de semana na que terán ocasión de achegarse ao patrimonio natural e cultural galego a través de actividades lúdicas nas que a lingua galega terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo do proxecto que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. En consonancia tamén con este obxectivo está o tema sobre o que terán que debater os equipos clasificados na sesión de Ferrol: "Pódese vivir en galego". Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo son os oito concellos galegos que, a través dos seus Servizos de Normalización Lingüística (SNL), organizan esta actividade en que participan este ano arredor de 200 rapaces e rapazas de 22 equipos, coa colaboración duns 25 preparadores/as de 16 centros educativos distintos, coa finalidade de fomentar o uso do galego oral, o pensamento crítico e o debate entre a mocidade.