miércoles, 12 de marzo de 2014

O TSXG dálle un novo pau o Goberno de Feijóo e obriga a devolver parte da paga adicional da extra ao persoal laboral

Esta é a primeira sentenza referida ao recorte das pagas extraordinarias para o ano 2013 que só aplicou a Xunta de Galiza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar sentenza pola que recoñece o dereito do persoal laboral da Xunta –sometido ao V Convenio Colectivo- a percibir a paga adicional ás paga extraordinaria de decembro de 2012, así como a paga adicional de xuño de 2013, que foi suprimida aos traballadores/as da Xunta por decisión propia do Goberno galego.
11-12-21 area publica 3
Unha vez máis, a xustiza dá un pau ao Executivo de Núñez Feijoo, negando o carácter retroactivo das medidas de recortes aplicadas aos traballadores e traballadores ao servizo das administracións públicas. Ademais, está é a primeira sentenza referida ao recorte nas pagas extraordinarias do ano 2013, detraída aos empregados e empregadas da Xunta a través da Lei de Orzamentos de Galiza e que o resto do persoal ao servizo das administracións (local, estatal, etc.) non padeceu.
Dende a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) demándase da Xunta de Galiza “cordura e sentido común”, e que proceda a cumprir a multitude de sentenzas que se teñen gañado “sobre o roubo das paga extras as e os traballadores cuxos salarios dependen directa ou indirectamente dos presupostos da Xunta”. A central nacionalista exixe a devolución destas cantidades, así como a reposición dos demais dereitos inxustamente retirados ás/aos traballadoras e traballadores de todos os sectores públicos.
Igualmente, a Área Pública da CIG reitera que se levarán a cabo todas as accións necesarias para recuperar o dereito a cobrar a totalidade das pagas extraordinarias de todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza –que, cómpre recordar percibiron un 40% menos do que lles correspondía-.
Non se recoñece o carácter retroactivo dos recortes
A resolución do alto tribunal galego recoñece o dereito do persoal laboral a percibir a paga adicional ás pagas extraordinarias de decembro de 2012, na parte proporcional á prestación de servizos entre o 1 e 15 de xullo; así como a paga adicional de xuño de 2013 na parte proporcional entre o 1 de xaneiro até o 28 de febreiro. Hai que subliñar que estas retribucións adicionais foron acordadas entre a Administración e as organización sindicais para equiparar as pagas extraordinarias do persoal laboral ás do persoal funcionario.
Nesta nova resolución, o TSXG aplica o mesmo criterio que na sentenza do 4 de outubro de 2013, que recoñeceu ao persoal laboral o dereito á percibir a parte proporcional da paga extraordinaria de decembro de 2012 devengada entre o 1 e o 14 de xullo de 2012, día antes da entrada en vigor do RDL 20/2012. A Xustiza entendeu que formaba parte do patrimonio do traballador/a e que só estaba pendente de ser aboada, polo que non podía ser afectada por esta norma estatal.
No que atinxe á paga adicional da paga extraordinaria de xuño de 2013, suprimida pola Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galiza, o TSXG entende que procede o seu abono, toda vez que a Lei de Orzamentos entrou en vigor o 1 de marzo de 2013 e que, polo tanto, durante os meses de xaneiro e febreiro de 2013 estaban vixentes os orzamentos do ano 2012 e a Xunta non pode aplicar a medida con carácter retroactivo.
Esta sentenza vense sumar ás ganadas polas catro organizacións sindicais maioritarias na Función Pública galega (CSI-F, UGT, CC.OO e CIG), interpostas nun marco de acción conxunta contra das administracións autonómica, local, universidades e entes instrumentais do sector publico para reclamar a devolución da paga extra do ano 2012, pero é tamén o inicio das máis de 200 demandas que se interporán para a reclamación da paga extraordinaria do ano 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario